Os bombeiros dos parques provinciais de Pontevedra cobrarán o mesmo que os seus compañeiros do resto de Galicia
Por Oskar Viéitez
O pleno do consorcio provincial contra incendios de Pontevedra acordou iniciar o procedemento de homoxeneización dos salarios dos bombeiros dos parques provinciais para que cobren o mesmo que os seus compañeiros do resto de Galicia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agradeceu "moitísimo" ao director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, porque elevase esta medida ao pleno do consorcio, o que facilita o "marco legal" para aplicala "este mesmo ano". É "unha cuestión de xustiza de que a iguais traballos téñanse iguais salarios", agregou.
Luís Menor destacou a importancia deste paso "xa que permite desbloquear a decisión política que xa fora acordada" dunha maneira "unánime" .
Deste xeito, dáse cobertura legal ao acordo alcanzado no mes de abril entre as dúas administracións que forman o consorcio (Xunta e Deputación).
Aquela decisión política topouse cun informe técnico do servizo de Intervención da Deputación que consideraba que as administracións públicas non teñen capacidade para tomar decisións sobre a homoxeneización dos salarios que teñen que ver cuns traballadores dunha empresa concesionaria e que, por tanto, esta decisión debía adoptarse no marco dunha negociación colectiva.
Tanto a Xunta como a Deputación expresaron a súa "vontade política" de maneira "excepcional" para facer fronte a esta homoxeneización "con recursos das dúas administracións", segundo explicou a presidenta Carmela Silva. "Por tanto decidimos conxuntamente convocar este pleno hoxe para tratar este tema e tentar liquidalo".
Para iso foi necesario que a Xunta de Galicia activase a disposición adicional terceira da Lei de Emerxencias de Galicia para proceder á equiparación.
A homoxeneización de salarios dos efectivos de bombeiros é resultado do paso previo da constitución dos consorcios provinciais contra incendios. Esta homoxeneización xa foi aprobada nas provincias de Lugo e Ourense e, cando se culmine o acordo de hoxe, só quedaría a da Coruña.
Agora "en prazo moi breve" a Deputación levará a un pleno ordinario a aprobación.
Relacionadas:
-
Traballadores do Consorcio de Bombeiros denuncian falta de persoal que o día de Reis obrigou a pechar o parque de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O pleno do consorcio provincial contra incendios aproba un orzamento de 3,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen equiparar o salario dos bombeiros do consorcio provincial aos de Ourense e Lugo
Por Redacción |
-
Pontevedra ve "decepcionante" a proposta da Xunta para comarcalizar os bombeiros
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban a equiparación salarial dos bombeiros do consorcio provincial
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |