Un investimento de 170.000 permitirá crear un parque infantil e mellorar a Casa do Pobo e as pistas de Viascón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade porá en marcha de forma inmediata o Plan Parroquial de Viascón, que contempla a creación dun novo parque infantil, o acondicionamento da Casa do Pobo e a mellora de diversas pistas municipais como principais actuacións.
A actuación terá un investimento global de 170.000 euros que se fará na recta final deste ano 2018, segundo anunciou o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Este plan para Viascón é o quinto elaborado polo goberno local desde o mes de xuño no termo municipal tras os impulsados nas parroquias de Tenorio, Carballedo, Almofrei e Augasantas. En principio está previsto que no derradeiro trimestre do ano queden definidos os das restantes parroquias.
En Viascón as actuacións xa empezaron a executarse. A primeira obra que xa está en marcha é a recuperación e posta en valor da Fonte do Castro, que están a ser realizadas pola brigada municipal de obras. A continuación, arrancarán a creación do parque infantil, na que se investirán 39.000 euros, e a reforma da Casa do Pobo, á que se adicarán 30.000 euros ao abeiro do Plan de Centros Veciñais 2019.
O goberno local tamén contempla o acondicionamento de gran parte da rede viaria municipal de Viascón cunha partida de 100.000 euros e está previsto que a parroquia se beneficie, aínda que polo momento non hai data, da creación dun gran centro BTT, que quedaría instalado en Atalaia e será a principal referencia provincial deste deporte.
Este proxecto leva meses perfilándose con colectivos e empresas especializadas e agárdase que vexa a luz entre finais de ano e comezos de 2019.