O PP referenda a Rafa Domínguez como o seu candidato nas municipais de 2019
Por Redacción
Rafa Domínguez xa é, oficialmente, o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra para as próximas eleccións municipais de 2019. Así o referendou o comité executivo local dos populares na cidade. O seu acto de presentación celebrarase o sábado 27 de outubro.
Domínguez, que presidiu a reunión como presidente do PP en Pontevedra, quixo dar as grazas aos seus compañeiros e ao partido polo respaldo que sentiu ao longo dos últimos meses e lembrou os tres eixos do seu liderado: "ilusión, diálogo e Pontevedra".
"Pontevedra estivo en cada un dos meus pasos e en cada unha das miñas decisións", explicou o dirixente popular, que marcou o emprego como a súa prioridade. "É o maior problema que ten o noso municipio e canto antes asumámolo, antes poderemos actuar sobre el", engadiu, xunto co "abandono" do rural.
O candidato do PP sinalou, con respecto ao goberno municipal, que vinte anos no poder "levan a que se perdan as ganas e a que se viva da inercia das boas ideas do principio", polo que destacou que Pontevedra "necesita un impulso".
Ante o comité executivo, Rafa Domínguez asegurou que durante os últimos meses "percibín a ilusión da xente pola renovación, por buscar novas ideas para unha Pontevedra na que ademais de pasear, tamén se poida traballar".
Ademais, Domínguez reiterou que "conto con todos" os que forman parte do Partido Popular de Pontevedra "para propiciar o cambio que necesita o noso municipio", polo que a nova xunta local estará formada por xente da súa confianza, dirixentes do PP a nivel nacional ou autonómico e todos os concelleiros do actual grupo municipal.
Ese traballo en equipo, dixo, será "imprescindible" para as eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano 2019 e poder "dar a coñecer o noso proxecto de cidade a todos os veciños de Pontevedra".