Almofrei beneficiarase en breve da mellora do vial Xesteira-Arrotea
Por Oskar Viéitez
Nas vindeiras semanas arrancarán as obras de mellora e ampliación do vial Xesteira-Arrotea, cun orzamento de 77.000 euros.
Nesta mesma parroquia de Almofrei o Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar as obras de mellora e remodelación integral da Casa do Pobo cun investimento de 40.000 euros e que se enmarcan no Plan de Centros Veciñais 2019.
Os traballos incluirán o cambio completo da cuberta co obxectivo principal de mellorar as condicións térmicas do interior do inmoble, a limpeza da fachada, o pintado de todas as instalacións e a resolución dunhas recorrentes humidades.
Así mesmo, tamén vaise proceder á renovación de todas as fiestras, que finalmente serán de madeira no canto das de PVC proxectadas inicialmente por esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio, que tivo que valorar o contido deste proxecto do edificio, situado no lugar de Arrotea, pola súa proximidade coa igrexa parroquial de San Lourenzo.
Precisamente a análise que tivo que efectuar este organismo autonómico foi o que motivou o adiamento desta obra, prevista para o ano pasado.