Caldas de Reis compite no certame "Vilas en Flor"
Por Oskar Viéitez
Este luns comezaron as visitas do xurado do certame "Vilas en Flor", unha nova iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega e ao que concurre a localidade de Caldas de Reis.
O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación y mesmo a xeración dun selo de calidade e reclamo turístico.
Por primeiro ano desenvólvese este concurso en Galicia seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.
Nesta primeira edición do programa as participantes son as vilas de Allariz, Caldas de Reis, Betanzos, Ortigueira e Chantada.
O galardón entregarase nunha gala especial que se celebrará a finais de outubro na localidade vencedora.
Anualmente outorgaranse as "Flores de Honra", como marca de calidade, aos municipios cos mellores espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá.
O proxecto conta co apoio das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, os colectivos do sector Asvinor e Agaexar e as empresas Husqvarna e Rain Bird.