O nivel de auga do Lérez empeza a ser "preocupante" pola falta de chuvias
Por Alejandro Espiño
A ausencia de choivas no mes de setembro e, por agora, a previsión meteorolóxica de que tampouco o fará na primeira quincena de outubro fai que o nivel de auga do río Lérez empece a ser "preocupante", segundo admitiu o portavoz do goberno municipal.
Raimundo González sinalou que, segundo os datos de Augas de Galicia, a altura do caudal do Lérez é de 2,47 metros, un dato lixeiramente superior ao de 2017.
Por agora, Pontevedra seguirá "tirando" da auga do río para abastecer tanto ao municipio como aos concellos da súa contorna e descarta que se produzan restricións, pero o Concello recoñece que "en momentos puntuais" pode chegar a haber "certa escaseza".
"Estaremos vixiantes", sinalou González, por se o caudal do río segue baixando e débese botar man da reserva de auga do Pontillón do Castro, que actualmente está a un 93,63% da súa capacidade.
No encoro habería auga, se non chovese nada, para abastecer o servizo de Pontevedra e os municipios da ría durante case dous meses.
O consumo de auga, segundo o goberno municipal, é "similar" ao do ano pasado, uns 32.000 metros cúbicos por día, polo que Raimundo González fixo un chamamento para que a poboación faga un consumo "responsable".
Relacionadas:
-
Viaqua analizará a auga de Pontevedra nun laboratorio propio e construirá unha minicentral eléctrica no Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
As reservas de auga de Pontevedra, máis altas que o verán pasado
Por Alejandro Espiño |
-
Barro quere captar auga do Pontillón para combater a seca e mellorar o seu abastecemento
Por Alejandro Espiño |