Baltar terá o próximo verán unha pequena poza de baño
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha obras de acondicionamento dunha presa de rego situada na zona alta do núcleo de Baltar para crear unha pequena poza de baño. A actuación supón atender as suxestións da veciñanza de Baltar e estará lista o próximo verán.
A presa que vai ser transformada nunha pequena poza para o baño está en moi boas condicións, pero, aínda así, necesita que se traballe nela. Vaise proceder ao encintado e impermeabilización de todas as xuntas e quedará lista para entrar en servizo.
A poza forma parte dun conxunto que inclúe unha fonte e unha pía. O conxunto está alimentado por unha mina de auga potable moi valorada pola veciñanza.
O Concello aceptou restaurar todo o conxunto, incluíndo unha pequena reforma da boca da mina, para levantar o bico da fonte e facilitar a recollida de auga, especialmente para as persoas maiores. Ademais mellorarase toda a contorna.
Segundo deu a coñecer o Concello, o lugar de Baltar contra con tres presas de rego que, ademais, inclúen pías de lavar a roupa. Están situadas a diferentes alturas dun dos seus camiños principais.
Ponte Caldelas xa conta cunha piscina veciñal, construída hai anos polos veciños de Tourón no lugar do Pío, ás beiras da área arqueolóxica. Ademais, en Xustáns quedou habilitado tamén unha antiga poza contraincendios que os máis mozos utilizan para bañarse durante o verán.