Un seminario abordará as novas tendencias turísticas en Cuntis
Por Redacción
Fernando Gallardo, analista de tendencias e novos conceptos turísticos de prestixio internacional, estará esta próxima semana en Cuntis para realizar un seminario sobre novas tendencias turísticas no que se abordarán temas como os cambios producidos no sector turístico tras a implantación das novas tecnoloxías da información e a comunicación.
O seminario, titulado 'Nuevas perspectivas turísticas para Pontevedra desde la tecnología Blockchain', terá o lugar o vindeiro mércores 3 de outubro na casa de turismo rural A Pedreira de Troáns e conta coa colaboración do Concello de Cuntis.
A formación vaise deter no Blockchain, un novo concepto baseado nas últimas tecnoloxías de recoñecemento de patróns biométricos, entre outras cousas. Estes cambios poden dar lugar a novas oportunidades de emprendemento.
A Concellaría de Cultura e Turismo de Cuntis indica que este tipo de xornadas son de gran interese, xa que as novas formas de facer turismo poden ser unha oportunidade para o desenvolvemento das economías locais no ámbito rural.
CURSOS DE MEMORIA
Por outra parte, coa finalidade de dar continuidade as actividades de envellecemento activo, o departamento de Servizos Sociais de Cuntis volve poñer en marcha os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva que se están desenvolvendo polas distintas parroquias e lugares do concello de Cuntis.
Concretamente, impartiranse en once locais: Troáns, Cequeril, Sebil, San Mamede, Couselo, Arcos de Furcos, Teaño, Magán, Portela e Cuntis (dous días á semana). Todas as persoas maiores de 55 anos ou menores que polas súas circunstancias precisen participar neste programa poden inscribirse no departamento de servizos sociais