O Club Náutico de Portonovo, un porto sen fume
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou este venres ao presidente do Club Náutico de Portonovo, Javier Ruiz de Cortázar, o diploma de participación na Rede Galega de Portos Sen Fume.
Do mesmo xeito que na iniciativa iniciada nas praias, nos portos que se adscriban á rede non se pode fumar, pero non existe vixilancia nin sanción para o cumprimento. Trátase dun compromiso persoal, promovendo a participación activa da sociedade en temas de saúde e que pretende desnormalizar o consumo de tabaco ampliando a prohibición a espazos abertos non incluídos na normativa vixente.
Portonovo é un dos tres primeiros portos en sumarse á Rede Galega Sen Fumes, xunto ao Real Club Náutico de Portosín e o Real Club Náutico de Ribadeo.
Todos os materiais de sinalización, así como os informativos e de sensibilización dirixidos a sociedade, serán facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que tamén se fará cargo do seguimento do proxecto.