"Fun vendida por 300 euros a un proxeneta español e convertida en mercadoría para o uso e goce dos homes"
Por Oskar Viéitez
En España a prostitución "move 10 millóns de euros ao día", segundo denunciou este venres en Pontevedra Amelia Tiganus, activista de Feminicidio.net, vítima durante cinco anos do tráfico de persoas e a explotación sexual.
"Nesta sociedade neoliberal, o diñeiro branquea a violencia sexual, converte o desexo sexual dos homes nun dereito" dixo este venres na súa conferencia na Casa das Campás organizada polo campus de Pontevedra para conmemorar o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas.
"Fun vendida por 300 euros a un proxeneta español e convertida en mercadoría para o uso e goce dos homes do mal chamado primeiro mundo", relatou Tiganus.
Hai once anos que esta muller puido "saír do sistema prostitucional despois de ser explotada durante cinco longos anos en diferentes puntos do territorio español".
Natural de Romanía, a activista incidiu, fronte a "terxiversacións", na existencia dun "sistema que nos prostitúe ás mulleres, ás nenas e cada vez a máis nenos", un sistema conformado, explicou, por un estado "que desde o 2014 inclúe no cálculo do Produto Interior Bruto os 10 millóns de euros que moven ao día a prostitución e a trata" e que permite "que as nosas estradas estean pragadas de campos de concentración e de internamento de mulleres".
"Estamos falando dunha industria mundial, na que os que moven os fíos, cotizan en bolsa"
Ademais, este sistema está conformado tamén polos "puteros", para os que "somos buratos, receptoras de séme, que veñen a divertirse e non ven a nosa humanidade"; e polos proxenetas.
"Estamos falando dunha industria mundial, na que os que moven os fíos, cotizan en bolsa", denunciou Amelia, quen abordou na necesidade de evitar "terxiversacións" pola que as vítimas do tráfico de persoas e a explotación sexual pasan a ser "traballadoras sexuais", de tal xeito que "o proxenetismo desaparece do mapa".
Amelia Tiganus denunciou a "situación de vulnerabilidade constante" que padecen as mulleres vítimas de explotación sexual, fronte ao intento dos proxenetas de "seguir mandando a mensaxe de que as vítimas de trata son esas pobres mulleres encadeadas á pata da cama", un tipo de trata, explicou, "que apenas existe en Europa". Non en van, "as cadeas invisibles son as que máis nos atan, porque son as máis difíciles de detectar", engadiu a activista.
Esta charla se viu complementada coa inauguración da exposición Excusas, unha mostra promovida pola ONG Médicos do Mundo que recolle testemuños de consumidores de prostitución.
Relacionadas:
-
A directora e actriz Mabel Lozano amosa en Pontevedra o cruel drama que agocha a prostitución
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A Garda Civil libera tres vítimas de explotación sexual que exercían nun club de Meis baixo ameazas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O goberno provincial pide a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación 'rompe' cos estereotipos de xénero cunha exposición "provocadora" pola igualdade
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |