Pensionistas e xubilados da CIG volven á loita
Por Redacción & Mónica Patxot
Pensionistas e xubilados saíron á rúa este xoves en Pontevedra, do mesmo xeito que noutras localidades galegas, para volver reivindicar pensións dignas e denunciar que a actual subida das pensións, na realidade, non cambia substancialmente a situación, dado que supón unha media dun 2,6% de incremento.
O colectivo secundou a concentración convocada polo sindicato CIG, que denuncia que este incremento non supón recuperar todo o poder adquisitivo perdido por pensionistas desde o ano 2013 en que a reforma do Partido Popular eliminou a revalorización das pensións co IPC.
Ademais, insisten en que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, xa que máis da metade non chegan aos 677,70 euros e critican que a subida que recollen os orzamentos aprobados en xullo supón un incremento de tan só 20 euros ao mes.
Varias decenas de persoas secundaron a protesta, coa que tamén se busca reclamar o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía e poñer sobre a mesa o seu descontento porque co cambio de Goberno no Estado e a chegada do PSOE de Pedro Sánchez xeráronse "expectativas novas" que frearon as mobilizacións previstas, pero, pasado un tempo, déronse conta de que é necesario seguir loitando.
Relacionadas:
-
Concentración da CIG en protesta pola reforma das pensións
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Os xubilados manteñen a loita na rúa reclamando pensións públicas que permitan unha vida digna
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG presiona na rúa o goberno socialista para que derrogue a reforma laboral e mellore as pensións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG convoca unha mobilización o 27 de setembro
Por Oskar Viéitez |