Denuncian o estado de abandono dunha parcela municipal en Ernesto Caballero
Por Oskar Viéitez
Veciños da rúa Ernesto Caballero denuncian o estado de abandono dunha leira de propiedade municipal. Descríbena como "unha parcela de case mil metros cadrados, pechada e rodeada por un muro a piques de caer, cunha maleza de máis de dous metros de altura".
Aos veciños preocúpalles a situación na que se atopa esta propiedade do Concello, "en pleno centro de Pontevedra", xa que "as altas temperaturas ou un lume, poderían desencadear nunha traxedia".
Esta leira está situada entre Ernesto Caballero e a vía ferroviaria, en metade do "Camiño de Blas" un viario duns 40 metros de longo "en mal estado" que dá acceso a unha vivenda cuxo propietario Juan Sobral Rey, xunto con outros veciños, xa presentou varias reclamacións e mesmo denuncias no seu día polo abandono desta leira.
Segundo os veciños esta parcela foi expropiada no ano 2011 por unha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con data 16 de marzo. No seu momento o goberno local estudou reconvertela nun parque infantil ou un campo deportivo, "pero a día de hoxe a maleza segue crecendo e os animais e bichos campan ás súas anchas", lamentan.
Os veciños reclaman a súa limpeza e amaño.