Moraña confía en ter acondicionada a nova senda de Santa Margarida a finais de outubro
Por Redacción
As obras de renovación integral da senda da capela de Santa Margarida xa están en marcha. O Concello de Moraña deu inicio á reforma dun treito de máis de 900 metros en toda a contorna deste ben relixioso e do lugar, así como do acondicionamento da parte frontal da fachada deste templo, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
Está previsto que as obras se prolonguen durante as vindeiras semanas e estean rematadas a finais de outubro.
A creación desta senda turística inclúe a renovación do paseo actual nun treito de 909 metros entre o núcleo da Chociña e a contorna peonil de Alberguería, cruzando deste xeito todo o núcleo de Santa Margarida, na parroquia de Saiáns.
Para iso, realizaranse traballos de limpeza, dotación de aglomerado, acabados en pavimento de tres capas a cor, instalación de bordos de formigón e o pintado de cebreados e do símbolo do peregrino, xa que esta capela é un importante lugar de culto no marco das rutas relixiosas.
A preparación desta senda, que terá unha anchura de 1,80 metros, completarase co acondicionamento da zona frontal da capela, que se pavimentará con adoquinado en cor nun espazo de 580 metros cadrados para que sirva de punto de encontro e de remate da senda na zona previa ao ascenso ao templo.
O proxecto conta cun orzamento de 58.000 euros e está cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia, que aportará preto de 40.000, mentres que os restantes 19.000 serán asumidos con fondos propios.