Unha ex deputada provincial do PP, citada a declarar como investigada nunha das pezas da operación Patos
Por Natalia Puga
A investigación xudicial da famosa 'operación Patos', que investiga unha suposta trama de corrupción en distintas administracións, segue avanzando en diversos xulgados pontevedreses. Unha das cinco pezas separadas da macrocausa orixinal recalou meses atrás no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra e acaba de ampliarse incorporando un novo nome á lista de persoas con distinta implicación nos feitos investigados.
Foi chamada a declarar en calidade de investigada a ex deputada e ex secretaria xeral do PP da provincia de Pontevedra, Begoña Estévez.
Estévez, que desde 2015 está afastada da primeira liña política e desde 2013 xa non ten responsabilidades orgánicas no PP de Pontevedra, deberá declarar nos xulgados da Parda o próximo 25 de outubro porque, segundo puideron constatar os investigadores, asinou resolucións da Deputación Provincial que están a ser investigadas nesta causa.
Esta peza separada da operación Patos investiga presuntas irregularidades na contratación de obras subvencionadas pola Deputación no campo de fútbol de Moraña no ano 2013 e no sumario figuran varias resolucións asinadas por Begoña Estévez, que naquela época tiña a firma delegada do entón presidente provincial, Rafael Louzán.
Nesta mesma causa xa había seis persoas investigadas e agora realizouse unha ampliación na que a Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra pide citar a declarar á ex deputada. Ata agora estaban investigados Rafael Louzán; o dono da empresa Eiriña e a súa man dereita, Enrique Alonso Pais e Jaime Alvariñas; o entón director de Infraestruturas da Deputación, Manuel Ángel González Juanatey; e dous empresarios de Pontevedra e O Salnés.
Tras ter constancia oficial da súa citación para o próximo mes, PontevedraViva púxose en contacto con Begoña Estévez, que se mostra visiblemente afectada pola situación e asegura que acudirá a declarar e contará todo o que sabe sobre este asunto porque non ten nada que ocultar nin considera que incorrese en ningunha irregularidade nese expediente administrativo nin en toda a súa vida profesional.
"No soy una corrupta", sostén a investigada. Asegura entender que nesta fase inicial das novas investigacións "es obrigación del fiscal" citar a declarar a toda persoa que asinase nalgún dos expedientes investigados, pero tamén quere aclarar que "no hubo absolutamente nada" irregular no seu proceder.
"Trabajo desde los 25 años y nunca he contactado con ningún empresario, ni los he conocido, ni he tenido ninguna cita, ni les he visto la cara", asegura Estévez, que na época na que se produciron os feitos investigados xa deixara os seus responsabilades como secretaria xeral do PP e encaraba xa o fin das súas responsabilidades como deputada.
O informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional (UDEF) que deu lugar a esta investigación cuestiona dous contratos adxudicados pola Deputación a Eiriña para este campo de fútbol, o inicial polo que se contrataron as obras e un segundo para amplialas, e inclúe escoitas telefónicas que salpicarían a Louzán e aos responsables desta empresa, principais investigados nesta macrocausa.
Relacionadas:
-
Begoña Estévez, exculpada da operación Patos, na que seguen investigados Louzán e Luisa Piñeiro
Por Natalia Puga |
-
A alcaldesa de Moraña comparece como investigada nunha peza da operación Patos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A xuíza da Operación Patos arquiva a causa para todos os políticos menos Louzán
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía da 'Patos' pide imputar só a Louzán entre os políticos e arquivar o resto
Por Oskar Viéitez |
-
O xulgado arquiva todas as causas que vinculaban ao Concello de Pontevedra coa "Operación Patos"
Por Oskar Viéitez |