Augas de Galicia acomete a limpeza de zonas de dominio público xunto ao encoro da Baxe
Por Redacción
Operarios de Augas de Galicia procederon á limpeza dunha zona de dominio público situada xunto ao encoro da Baxe na zona de Lornés, na parroquia de Troáns.
Trátase dunha actuación demandada recentemente polo Concello de Cuntis nunha das parcelas que foi expropiada no seu momento para a construción da presa, polo que a competencia correspondía ao ente autonómico.
A solicitude cursouna o alcalde, Manuel Campos, tras reunirse co delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
Entendía o goberno local que o estado do terreo, con maleza, matogueiras e madeira seca, incumpría a Lei de Prevención de Incendios Forestais ao atoparse a menos de 50 metros de edificacións.