VÍDEO.- O Campionato de Tiro Policial Virxe do Pilar reúne a 120 participantes en Bora
Por Redacción
O campo de tiro de Cernadiñas Novas de Bora acolleu este luns a primeira das dúas xornadas do XXIX Campionato de Tiro Policial de Combate Virxe do Pilar que cada ano se organiza con motivo do Día do Pilar -patroa da Garda Civil, que se conmemora o próximo 12 de outubro- e que nesta edición conta con 120 participantes das Forzas e Corpos de Seguridade e das Forzas Armadas.
Segundo informan desde a organización, este ano por primeira vez participan nas probas que terminará este martes dous equipos do Exército do Aire do aeródromo militar de Santiago de Compostela, de modo que se dan cita no campo de Bora representantes dos tres exércitos, o Corpo Nacional de Policía, a Policía Autonómica, distintas policías locais, Vixilancia Aduaneira e a Garda Civil, corpo ao que pertencen os organizadores.
En horario de mañá e tarde os participantes tiveron que realizar dous exercicios que a organización lles deu a coñecer xusto antes de empezar, todos eles simulando unha actuación de enfrontamento con terroristas que mantén en reféns en circunstancias complicadas para os participantes.
Un dos exercicios expón aos participantes o escenario de que deben salvar a civís que se atopan nun edificio derumbado no medio dun escampado. O inmoble ten as paredes danadas e buracos que dificultan ter seguros aos civís, pois dispáranlles a través deles, pero, a pesar das dificultades, teñen que demostrar a súa valía para neutralizar os terroristas que oes atacan á vez que salvan á poboación e evitan feridos.
O outro exercicio é igual de complexo, pero moi diferente. Nesta ocasión, atópanse nunha posición fixa de vixilancia para protexer a unha autoridade cando, de súpeto, son atacados. Terroristas a pé e desde un coche en movemento dispáranlles, de modo que deben repeler a agresión, pero evitando feridos entre os cidadáns que se atopan na contorna.