A continuidade de Ence e Elnosa forma parte da "axenda galega" que En Marea negociará co Goberno de Pedro Sánchez
Por Oskar Viéitez
Representantes de En Marea no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Senado, compareceron este luns en Pontevedra para apuntar que a continuidade de Ence e Elnosa na ría forma parte da "axenda galega do cambio" que a súa formación quere "negociar" de maneira "bilateral" co Goberno que preside Pedro Sánchez.
Ademais, os membros de En Marea reafirmaron a posición que mantén a súa formación política respecto da empresa ENCE para que abandone a ría de Pontevedra "polas súas malas prácticas e por estar cunha prórroga ilegal".
A senadora de En Marea, Vanessa Angustia, lamentou que "non hai avanzada ningunha solución para a volta atrás desa prórroga" da concesión para a fábrica en Lourizán.
Segundo explicou, a prórroga concedida polo executivo presidido por Mariano Rajoy "é ilegal", por facerse fóra de urxencia por un goberno en funcións dous anos antes de que terminase a concesión e porque o cómputo global de anos vulnera a Lei de Patrimonio que fixa o prazo máximo de ocupación en 75 anos para os terreos de dominio público marítimo terrestre.
Vanessa Angustia lembrou que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, explicou a pasada semana no Senado que o Goberno se atopara a concesión dada, deixando o futuro da pasteira nos tribunais. "Nós pensamos que o Goberno non pode evitar as súas responsabilidades, non pode esconder un erro político, non pode esconder anos de corrupción do Partido Popular", dixo.
Neste contexto, a senadora de En Marea citou que Carlos del Álamo, ex conselleiro de Medio Ambiente co PP, "ingresou o ano pasado só en calidade de dietas 57.000 euros do Consello de Administración de Ence".
Respecto da empresa Elnosa "atendendo ao paro industrial" quixeron falar coa ministra de emprego, Magdalena Valerio, pero a día de hoxe "sigo esperando a que a ministra nos dea unha resposta" aínda que si respondeu nunha sesión de control "de maneira moi vaga" explicando que o Goberno non ten pensado poñer en marcha ningunha medida respecto diso.
A senadora de En Marea pediu ao Partido Socialista que explique cal é a súa proposta para estas dúas fábricas de Ence e Elnosa.
Pola súa banda, os deputados de En Marea no Parlamento galego Marcos Cal e Julia Torregrosa piden á Xunta "que foi cómplice necesaria" na "prórroga irregular" a Ence "que se some a esta liña de pedir a saída da fábrica" por "non respectar a normativa" galega que, segundo afirmaron, "impide a localización actual da fábrica".
Finalmente, a deputada no Congreso Ángela Rodríguez enmarcou estas demandas na "axenda galega do cambio" que abordará Podemos co Partido Socialista. "Esperamos poder ser parte activa desta negociación que ten que ter como resultado que Ence estea fóra de Pontevedra", dixo a congresista.
"No caso do Congreso Galicia nunca estivo tan representada", defendeu Ángela Rodríguez fronte ás críticas internas pola suposta "invisibilidade" de En Marea dentro do grupo de Podemos. "Eu traballo pola cidadanía galega, as miñas compañeiras tamén e Luís Villares tamén. Outra cuestión creo que está fóra de debate", concluíu.