O cupón da ONCE do 10 de outubro estará dedicado á Lama
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, deu a coñecer oficialmente durante a II Xuntanza na Honra de Manuel Barreiro Cabanelas, Conde Cabanelas, que organiza a Asociación de Veciños de Laxedo, a decisión da Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) de dedicar o seu cupón do sorteo do día 10 de outubro a este municipio.
Será coa inclusión, como imaxe promocional, da praza de Covelo onde está situada a estatua do insigne filántropo lamense.
A ONCE aceptou incluír na súa colección denominada "Localidades con nome singular" ao municipio da Lama centrando o seu aspecto na coñecida praza da parroquia de Covelo onde figura instalada a estatua en honra ao insigne filántropo Manuel Barreiro Cabanelas, Conde Cabanelas.
O rexedor manifestou a súa satisfacción pola decisión da ONCE e comentou a curiosidade da noticia pois Manuel Barreiro Cabanelas, un dos homes máis ricos do mundo no seu tempo, fixo a súa fortuna mercé ao seu enxeño, traballo e imaxinación valéndose dun xogo de azar, o popularmente coñecido como "O Bicho" que tanto deu que falar a principios do século XX en Brasil, país ao que emigrou de moi novo.