A procesión de San Roque percorreu 10 quilómetros para enlazar todos os barrios de Xustáns
Por Redacción
A veciñanza de Xustáns, en Ponte Caldelas, celebrou a festa da convivencia entre os catro barrios da parroquia, é dicir O Sobreiro, Baltar, Aluncía e Chan do Casal. A procesión de San Roque percorreu os catro lugares, superando empinadas costas no medio dunha intensa calor e cun percorrido total duns 10 quilómetros.
A procesión saíu da igrexa de San Martiño de Xustáns ás 16.30 horas e regresou preto das 20 horas pasando por pistas municipais, a estrada provincial que comunica con Baltar e mesmo por corredoiras na zona de Chan do Casal. O esforzo físico foi notable e os valentes que se animaron a facer o percorrido completo comprobaron como o número de participantes ía aumentado progresivamente a medida que avanzaban.
A marcha contou co apoio do Concello, que repartiu augas frescas en diversos puntos do percorrido. Ademais correu co gasto dos gaiteiros que acompañan a San Roque durante esta auténtica "andaina".
A procesión de San Roque, en Xustáns, coñeceu o ano pasado unha importante reactivación e este ano volveu contar cunha numerosas participación gracias ao bo traballo da Comisión de Festas. O goberno local estivo representado polo alcalde, Andrés Díaz, e a concelleira Pilar Couto. Celébrase o terceiro domingo de setembro e tamén é coñecida como a "procesión dos nenos", pois a súa presencia faise notar, tanto a pé como en bicicleta.
A veciñanza de cada lugar adorna os cruceiros e os fitos relixiosos do camiño con alfombras florais e elementos vexetais. Ao remate, a comisión organizadora reúnese para determinar o pobo gañador, en recoñecemento ao cruceiro máis fermoso.
A xornada remata case ao solpor, despois da misa e do pincho, poñendo así fin a un día que supón un gran esforzo físico, especialmente para os homes e mulleres que van portando a imaxe de San Roque en quendas sucesivas.
Os máis vellos do lugar explican que se celebra dende moitos anos atrás. Ninguén sabe dicir cantos. Sosteñen que é unha tradición que vén "dos tempos das pestes", cando Xustáns se ofreceu a San Roque. Ninguén sabe dicilo con certeza.