Chegan as primeiras castañas con pantalóns curtos
Por Oskar Viéitez
O verán resístese a marchar mentras o outono vai asomando. Esta situación provoca que xa podamos comer as primeiras castañas asadas con pantalóns curtos.
O outono de 2018 comezará o 23 de setembro ás 3 horas 54 minutos, hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional. Oficiosamente, na Boa Vila, o outono comeza cando chega o castañero á Ferrería, e xa chegou.
O outono comeza seco e cálido. As altas presións localizaranse durante este sábado ao norte da península ibérica, achegando estabilidade e aire cálido dende o sur. Isto fará que teñamos o ceo en xeral despexado, con bancos de néboa no interior e brétemas no litoral máis persistentes nas primeiras e derradeiras horas do día. As temperaturas máximas experimentaron un lixeiro ascenso con ventos frouxos de compoñente oeste.
A previsión de Meteogalicia di que non se agardan cambios significativos para o domingo, polo que novamente amenceremos con sol e bancos de néboa no interior e con brétemas costeiras en toda a franxa atlántica.
O luns Galicia quedará na influencia das altas presións centradas sobre Irlanda que deixarán un réxime de ventos do nordés. Así, nas Rías Baixas agárdanse ceos pouco anubrados ou despexados. Esta previsión repítese para o martes.