Detidos dous individuos que pretendían roubar unha plantación de marihuana en Cambados
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo este venres, por un delito de roubo con intimidación, a dous veciños de Vigo que se acudiron en Cambados coa suposta intención de roubar unha plantación de marihuana na parroquia de Corvillón. Por estes mesmos feitos tamén se detivo a un veciño de Ribadumia como suposto inductor e colaborador.
As investigacións concluíron coa detención do dono da plantación, acusado dun delito de tráfico de drogas, e do seu pai como colaborador.
Os incidentes ocorreron sobre as 2:00 horas da madrugada do venres cando un veciño de Cambados comunica á Garda Civil que fora obxecto dun intento de roubo con intimidación cando se atopaba nun invernadoiro que ten preto do seu domicilio.
Dous individuos armados con senllos revólveres intimidárono efectuando varios disparos ao aire para que lles franquease a entrada ao interior da leira e despois de manter un forcexeo con eles conseguiu escapar e pedir axuda desde a casa dun veciño. Os individuos déronse á fuga levándose o vehículo e o teléfono móbil do dono do invernadoiro.
A resposta da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil que se atopaba próxima á zona foi inmediata ao recibir a noticia e conseguiu interceptar o vehículo no que fuxiran, a pouca distancia do invernadoiro, procedendo á detención do seu único ocupante. Nas inmediacións do lugar onde se interceptou o turismo atoparíase despois un revólver de lume real, con varios cartuchos.
Apenas tres horas despois, o amplo dispositivo de procura establecido pola Garda Civil localizou e detivo o segundo individuo que faltaba, cando estaba escondido entre unhas matogueiras, nas inmediacións do polígono industrial de Tremoedo. No momento da súa detención intervéuselle un revólver de fogueo.
Por mor destas detencións e en base ás investigacións iniciadas para coñecer as circunstancias dos feitos, descubriuse que a intención destas dúas persoas non era outra que a de roubar unha plantación de marihuana que podería ter este veciño no invernadoiro de Corvillón
As sospeitas non tardaron en confirmarse cando a Garda Civil, de volta ao invernadoiro onde sucederan os acontecementos, sorprende ao dono cortando as plantas de marihuana, coa axuda do seu pai. Os axentes incautaron preto dunha trintena de plantas de considerables dimensións e tanto o dono como o seu pai foron detidos tamén como supostos autores dun delito contra a saúde pública, na modalidade de cultivo e elaboración de drogas.
Os dous veciños de Vigo, D.D.I., e JA. J.A., de 56 e 42 anos, respectivamente, que foron detidos por un presunto delito de tentativa de roubo con intimidación e tenencia ilícita de armas, serán postos a disposición do xulgado de Instrución de garda de Cambados.
En estreita relación co intento de roubo desta plantación de marihuana, detívose tamén un mozo de Ribadumia, JM. M.I., como presunto inductor e colaborador. A este mozo acúsaselle tamén doutro delito de atentado contra os axentes da autoridade, porque a madrugada dos feitos cruzouse coa Garda Civil e na súa fuxida da zona tentou arroiar co seu vehículo a un dos axentes cando pretendía interceptalo.
Pola súa banda, o dono da plantación E. B.D. R., de 26 anos e o seu pai J. B. B., de 54, que foron arrestados por un delito contra a saúde pública, quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer no xulgado cando sexan citados.