O esquío "Sandra", a última escultura de Briz
Por Redacción
Briz segue sendo unha aposta firme do Concello de Marín. Este venres presentouse unha nova figura de talla en madeira realizada polo artista e carpinteiro Santi Castro Soage, á que acudiu a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, acompañada dos responsables da fundación Juan XXIII.
O proxecto da talla de madeira en Briz xurdiu no ano 2015, despois de ver a necesidade de eliminar especies invasoras como as acacias e aproveitar a madeira e sobre todo os tocóns que se deixaban e afeaban o entorno. De ahí que se pensara en reutilizar eses tocóns para facer figuras de madeira que serviran como elementos decorativos.
O que comezou sendo unha idea, é hoxe unha realidade, que fai que as árbores, a pesar de ser invasoras, se lles dé unha segunda vida.
A figura que se presentou é a número 16 e é un esquío, situado a poucos metros da coruxa realizada no mes de abril, ambas feitas en madeira de acacia negra.
O esquío, segundo explicaba o autor, aínda que inicialmente pensaba que a remataría en tres semanas, finalmente foron algo máis de catro pola complexidade dalgunhas partes da figura e das vetas da propia madeira.
O autor, Santi, ao igual que fixo coa coruxa e co trono adicado a Rosalía de Castro na Alameda, quixo adicar esta talla a unha persoa, neste caso o esquío leva o nome de Sandra, unha rapaza marinense de 8 anos de idade, falecida por unha grave enfermidade hai dous meses. A súa familia quixo estar presente no acto, para agradecer o detalle, xa que terán unha lembranza da súa filla, sempre que se acheguen a este parque.
Esta inauguración deu o pistoletazo de saída ao novo curso en Juan XXIII e a concelleira Marián Sanmartín, en representación do Concello, quixo agradecer o gran traballo que a fundación desenvolve non só en Briz, senón en cada camiño e en cada monte de Marín, e sobre todo destacou a figura do responsable de Juan XXIII en Marín, Jose, que é o promotor da maioría das ideas e proxectos que se levan a cabo.
A súa vez, o director da Fundación, Diego Chapela, tamén agradeceu ao Concello o darlles a oportunidade de formarse, de acoller sempre ben as iniciativas, e sobre todo, de seguir confiando en eles, permitindo que a día de hoxe 28 persoas con discapacidade estean traballando en Marín.