Un picnic para celebrar a recuperación do Monte do Taco
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello organizou unha pequena festa para celebrar coa veciñanza a recuperación do Monte do Taco como novo espazo verde da cidade. Aberto ao público dende hai seis meses, o goberno local entendeu que a celebración era unha débeda pendente.
O alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Parques, Xardíns e Medio Natural, Alberto Oubiña e a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, achegáronse á festa popular. Un picnic e e música en directo arrouparon a cita.
Co Monte do Taco a cidade incorporou unha zona verde de 1.400 metros cadrados nunha localización privilexiada, ao carón da foz do Gafos e fronte a ría de Pontevedra.
Neste espazo creáronse unhas escaleiras e unha rampla de acceso dende a avenida de Marín, así como unha pequena senda para percorrer a parcela polo seu interior. Foi preciso desmontar o muro perimetral da zona e facer un novo retranqueado para garantir a seguridade e dar máis ancho a rúa Monte do Taco, na foz do río. Tamén se instalou mobiliario urbano e axardinouse.
O proxecto tivo un custe total de 118.500 euros.