Moraña e A Lama axudan ás familias con dificultades económicas da man da Fundación Amigos de Galicia
Por Oskar Viéitez
María Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña e Jesús Busto Peteiro, Director Xeral de Fundación Amigos de Galicia, asinaron este venres unha renovación do convenio de colaboración entre ambas as entidades denominado "Plan de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social".
A axuda consiste na cobertura das necesidades básicas das familias que se atopan en situación de dificultade económica mediante a repartición de alimentos, roupa, produtos de hixiene e limpeza, material escolar e xoguetes para os menores, etc. atendendo de modo bimensual a familias que, grazas á colaboración entre ambas as entidades, poden ver satisfeitas as súas necesidades máis elementais e sobre todo, a dos menores ao seu cargo.
No ano 2017, a Fundación Amigos de Galicia gastou un total de 22.813,97 euros en Moraña en alimentos e produtos de primeira necesidade, dos cales o concello achegou 3.500 euros á entidade. O gasto total por parte da entidade no concello foi de 25.510,10 euros.
A LAMA
Tamén no Concello da Lama a través dos seus Servizos Sociais e a Fundación Amigos de Galicia entregaron estes días unha serie de lotes compostos por mochilas e material escolar a nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social, coa intención de que ningún alumno residente no municipio vexa mermada as súas condicións de acceso ao seu proceso de formación académica.
SANXENXO
Co inicio do curso, o departamento de educación do concello de Sanxenxo está a distribuír as axendas escolares que utilizará o alumnado durante este ano académico. Como novidade este ano, as axendas escolares inclúen unha nova iniciativa de "Sanxenxo Fala", denominación baixo a que o Concello de Sanxenxo organiza, promove e divulga iniciativas a favor da lingua e cultura galegas.