Carmela Silva, ao PP: "Non vou a consentir nin unha calumnia máis. Decidirán os xulgados"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Carmela Silva teno claro. Ao Partido Popular non lle consentirá "nin unha calumnia máis". Farta das "mentiras e difamacións" sobre a acción do goberno provincial, a presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou que, a partir de agora, denunciará nos xulgados todas as declaracións que considere inxuriosas.
"Vou a defender a honorabilidade dos funcionarios e os políticos desta casa ata as últimas consecuencias", advertiu Silva en rolda de prensa.
A primeira destas denuncias será ao portavoz do PP, Ángel Moldes, que nas últimas horas aseguraba, entre outras cousas, que a Deputación excluíra ao municipio de Marín das axudas do Plan DepoRemse, en contra dos informes técnicos que, segundo os populares, avalaran o proxecto presentado por este concello.
Carmela Silva asegura que o PP "minte descaradamente" e, o que é máis grave, imputa un delito de prevaricación ao goberno provincial. "É un escándalo. Que saiba o PP que ata aquí chegamos, cada calumnia irá aos xulgados", asegurou a presidenta.
Exhibindo o citado informe, asinado pola xefa do servizo de Cooperación, a titular da Deputación asegurou que son os propios técnicos provinciais os que conclúen excluír o proxecto presentado por Marín ao estar "incompleto", por carecer dos criterios mínimos esixibles e non cumprir as bases do plan.
Ademais, defendeu que todos os criterios baixo os que se outorgan as axudas do Plan Remse son " obxectivos", tanto desde o punto de vista legal como técnico.
Por iso, Carmela Silva explicou que presentará ante o xulgado unha petición de conciliación, paso previo a unha posible demanda, para esixir unha "rectificación" pública en rolda de prensa ao portavoz do PP, Ángel Moldes.
Esta actitude dos populares, que Silva enmarcou na "estratexia do ventilador" que o PP aplica "cando non goberna" para converter a política nun "estercolero", segundo a presidenta, "vén de arriba" xa que considera que o propio Moldes "dudo moito que teña capacidade de idear nada".
"Non teño que dicir o nome porque todo o mundo sabe de quen falo", engadiu a presidenta da Deputación, que lembrou que esta mesma campaña sufriuna o bipartito na Xunta cando gobernaba o socialista Emilio Pérez Touriño.
O PP LAMENTA AS AMEAZAS
Tras coñecer esta decisión, desde o Partido Popular lamentan as "ameazas" da presidenta da Deputación e consideran que son un "novo intento" do PSOE para "silenciar" o traballo de fiscalización dos partidos da oposición na institución provincial.
Ángel Moldes, que se ratifica nas críticas realizadas desde o PP á xestión "subxectiva" das axudas do Plan DepoRemse, considera que con estas "advertencias" buscan impedir que se fale "dun xeito de actuar arbitrario e caciquil".
Moldes adiantou que non só o bipartito está pensando en recorrer á vía xudicial senón tamén os alcaldes do Partido Popular que quedaron excluídos do proceso, "porque consideran lesionados os intereses xerais dos seus veciños" ao entender que cumpren cos requisitos.
"Xa se verá no período de alegacións quen calumnia e quen está mentindo", avanza o voceiro do PP, pois asegura que desde o goberno da Deputación "van ter moito que explicarlle aos concellos".
Relacionadas:
-
Conclúe sen avinza o acto de conciliación entre a Deputación e Ángel Moldes
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama leva aos tribunais a denegación "arbitraria" dunha subvención da Deputación
Por Redacción |
-
Ángel Moldes critica o "reparto arbitrario" que fan Carmela Silva e César Mosquera cos fondos provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
Pleno avinagrado na Deputación con críticas cruzadas pola adxudicación de fondos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ángel Moldes asegura que o 50% de proxectos do Plan Concellos presentados por alcaldes do PP están sen resposta
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia accións xudiciais contra Ángel Moldes
Por Redacción |
-
Os populares critican que no Plan DepoRemse "o 75% dos proxectos de concellos do PP son excluídos"
Por Oskar Viéitez |