Veciños de San Antoniño: "Se traes aquí un par de serpes e uns monos, montas Cabárceno sen problema"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Maleza en grandes cantidades, silveiras que alcanzan varios metros de altura, fentos a eito e sen control e, nos últimos días, avespas velutinas. Así se atopa desde hai xa meses unha parcela sen edificar da rúa San Antoniño e, cansos dunha situación que dá unha imaxe "pésima" e carrexa tamén perigos para os edificios lindeiros, os afectados decidiron saír a denunciala e pedir ao Concello de Pontevedra que tome cartas no asunto.
"Se traes aquí un par de serpes e uns monos, montas Cabárceno sen problema", definía este xoves a pé de rúa un dos veciños da contorna, que mesmo chamaba a atención sobre o feito de que houbo un muro que se derrubou nese terreo e que "aí quedaron os restos", sen ningunha medida máis para garantir a seguridade.
Esta semana, os veciños dunha comunidade de propietarios que se declara moi afectada pola situación presentou un escrito no rexistro municipal solicitando ao Concello que faga un requirimento ao propietario da parcela para que efectúe a oportuna limipieza que poña fin cunha situación xa insustentable.
No escrito entregado por rexistro o martes 18 de setembro piden ao Concello que, no caso de que o dono do terreo non actúe, sexa a propia administración local a que realice os traballos necesarios para solucionar o problema pasándolle despois a factura ao responsable e, se procede, procedendo á apertura do correspondente expediente sancionador.
Os afectados sosteñen que esa parcela linda co seu edificio e, ademais de xerar malestar veciñal, tamén dá mala imaxe da rúa, provoca a entrada de insectos nas vivendas lindeiras, favorece a aparición de focos insalubres a escasos metros de varios edificios e "carrexa perigo de incendio".
En relación coa denunciada presenza de avespa velutina ou asiática, aseguran que os veciños xa as viron na zona, aínda que non lograron localizar o niño "debido á gran cantidade de maleza existente". Advirten do perigo que supón.