O comisario destaca na súa comida de despedida os "éxitos importantes" da Policía Nacional na loita contra o narcotráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Pouco máis de tres anos despois da súa chegada á Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, o xa ex comisario provincial Manuel Bouzas pechou este xoves esa etapa da súa carreira profesional de forma definitiva despedíndose de todos os compañeiros e amigos cos que se atopou nesta época á fronte do Corpo nun comida de homenaxe celebrada no Hotel Galicia Palace coa presenza de ao redor de 150 persoas.
En declaracións á prensa antes da comida, destacou que esta despedida chega cargada de alegrías e de penas. As primeiras "pesan moito máis" e son, principalmente, dúas: "a xente que coñecín tanto a nivel profesional como particular" e os "éxitos importantes no mundo do narcotráfico" que sumou a Policía Nacional durante esta etapa.
Respecto diso, insiste nos "grandes profesionais" das dúas grandes unidades de loita contra crime organizado que teñen sede en Pontevedra, Udyco e Greco, pois presume de traballar por toda España, mesmo no Campo de Xibraltar, e pode asegurar que "Pontevedra evidentemente está na cabeza deste tema".
Entre as alegrías que leva destes últimos anos antes da xubilación tamén están mellorar as instalacións da Comisaría, o traslado das dependencias de tramitación do DNI e o pasaporte á rúa Fernández Villaverde e a creación da Unidade de Familia e Muller (UFAM) para prestar atención ás vítimas de violencia de xénero.
No tinteiro quedáronse asuntos nos que non podía actuar de forma directa como "non mellorar e completar" os recursos humanos da Comisaría, non completar a mellora das instalacións e non resolver a desaparición de Sonia Iglesias no ano 2010. Non poder resolver este caso é o seu " espinita cravada", pero ten a esperanza de que algún día a investigación policial permitirá saber a verdade.
O día foi para Manuel Bouzas de "cruzamento de emocións" e sentiuse moi arroupado pola súa familia -asistiron a súa muller e dous fillos- e por antigos compañeiros e tamén por autoridades e compañeiros doutros Corpos de Seguridade e autoridades cos que traballou estreitamente nestes tres últimos anos.
A actual subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a súa predecesora, Ana María Ortiz, arroupárono nun acto no que non faltaron o ex comisario José Manuel Salgado; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o fiscal xefe; Juan Carlos Aladro; o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez; o coronel da Garda Civil, Jorge González; o director de Emerxencias e Interior da Xunta, Luís Menor; ou os deputados Lupe Murillo e Jacobo Moreira.
Relacionadas:
-
A Policía Nacional celebra o seu patrón cun descenso dos delitos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Estíbaliz Palma, primeira muller comisaria da Policía Nacional en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O comisario da Policía Nacional despídese co caso Sonia Iglesias moi presente: "non tirei a toalla"
Por Natalia Puga |