Un veciño da Lama, condenado a dous anos de prisión por abusar dunha menor no baño dun bar
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de prisión a un veciño dun pobo da Lama por abusar dunha menor que tiña 12 anos, á que consideran que bicou e someteu a tocamentos no baño dun bar. Tras esa sentenza condenatoria, o home xa presentou un recurso, segundo confirmaron fontes xudiciais.
A sentenza da Sección Segunda da Audiencia imponlle estes dous anos de prisión como autor dun delito de abuso sexual e imponlle a prohibición de aproximarse a unha distancia inferior a 200 metros da menor, ao seu domicilio ou a calquera lugar en que se atope, así como de comunicarse con ela por calquera medio durante tres anos.
Ademais, foi condenado a cinco anos de liberdade vixiada e deberá indemnizar á menor con 1.500 euros en concepto de responsabilidade civil.
O fallo xudicial considera probado que na tarde do 25 de maio do ano 2017 entrou no baño de mulleres dun bar da Lama sabendo que se atopaba no seu interior a menor, que tiña naquel momento 12 anos, e actuou "guiado polos seus instintos sexuais". Segundo recolle a sentenza, bicouna dúas veces na boca introducíndolle a lingua e tocoulle a cadeira.
O acusado, segundo o tribunal, "afacía entregar aos nenos algo de diñeiro para comprar chucherías" e ese día entregou a esta menor unha pequena cantidade de diñeiro e díxolle que non dixese nada a ninguén, que con el ía ter futuro.
A Audiencia considera que o testemuño da menor é "a principal proba de cargo contra o acusado" e destaca a súa "credibilidade" e que mantén unha declaración sostida nos seus aspectos esenciais desde o inicio da investigación, tanto durante a exploración policial, como na instrución xudicial e durante o xuízo oral celebrado na Audiencia o pasado mes de abril, no que declarou tras un biombo.