O Parlamento reclama á Xunta que solucione as "insoportables" temperaturas do Provincial
Por Redacción
Acabar coas temperaturas "insoportables", que chegan ata os 35 graos, que se rexistran nas diferentes estancias do Hospital Provincial de Pontevedra. É a petición que, de xeito unánime, realizou o Parlamento de Galicia ao goberno galego.
A iniciativa, presentada polo BNG, foi apoiada por PP, En Marea e PSdeG-PSOE. Con ela, os deputados reclaman ao Sergas que corrixa este problema, que teñen que soportar tanto o persoal sanitario como as persoas usuarias do centro hospitalario. A solución, engaden, debe aplicarse a todas as instalacións e non só nas zonas sensibles.
Montse Prado, deputada do BNG, explicou que no Provincial ingresan usuarios de especialidades como obstetricia, neonatos, pediatría, coidados paliativos, xinecoloxía, oncoloxía ou medicina interna, pacientes en materias "sensibles" que teñen que soportar temperaturas "inhumanas e terceiromundistas".
A situación era tan insoportable, recordou Prado, que nalgúns casos os propios familiares decidiron mercar equipos de refrixeración "para aliviarlle a situación ao doentes, xa que a maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolvían o problema das temperaturas elevadas".
A pesar diso, denuncia o BNG, a dirección do complexo hospitalario pontevedrés "non adoptou as medidas necesarias para protexer nin ás persoas doentes nin ao persoal sanitario".
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo sinalou que os problemas de calor que sofren os usuarios e profesionais que traballan no hospital de Pontevedra é unha "causa común" en todos os centros sanitarios localizados en edificios antigos, no caso do hospital pontevedrés, un edificio "que ten 120 anos".
Con todo, Rodríguez-Vispo defendeu que a Xunta de Galicia xa dotou ao centro de equipos para paliar a calor.
En concreto, lembrou que se teñen colocado láminas reflectoras en todos os vidros exteriores. se instalaron estores antitérmicos nas zonas de maior impacto do sol, se dotou de equipos fixos individuais de frío nas salas de espera de consultas externas, na sala de extraccións, na sala de espera de cita previa e no roupeiro e se adquiriron novos equipos de refrixeración portátil para as plantas de hospitalización.
Relacionadas:
-
Renovan a área de atención ao paciente do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
O PSOE considera que a calor rexistrada dentro do Hospital Provincial é "inhumana" e pide solucións
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Queixas dos usuarios do Hospital Provincial ante temperaturas nas habitacións superiores a 35 graos
Por Anxo Lourido |