Detido por furtar 2.500 euros en dúas cafeterías nas que traballara
Por Redacción
O xulgado de garda de Pontevedra decretou este martes a posta en liberdade en calidade de investigado dun mozo pontevedrés detido horas antes como presunto autor dun delito de furto por levar diñeiro de dous locais de hostalería nos que estivera traballando e dos que quedou cunha copia das chaves.
O home foi detido pola Policía Nacional de Pontevedra este martes como resultado das investigacións abertas dúas semanas atrás. Os donos dos dous locais nos que presuntamente roubou denunciaron os feitos a principios do mes de setembro e, tras días de investigacións, logrou identificarse e deter ao presunto autor.
Fontes policiais confirmaron que o home presuntamente furtou nun local do barrio de Monte Porreiro e outro da praza de San José. Dun levou uns 500 euros e doutro ao redor de 2.000.
Para acceder aos dous locais non tivo que forzar ningunha fechadura nin romper portas ou xanelas, pois tiña unha copia das chaves de ambos os dous establecementos da época na que traballaba neles.