A Audiencia de Pontevedra condena un matrimonio por tráfico de heroína e branqueo de capitais
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial condenou un matrimonio de Mos como autores de senllos delitos de tráfico de heroína e branqueo de capitais.
Concretamente o tribunal provincial sentenza a sete anos de prisión a Castor Manuel G.G. como autor dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde, agravado por ser unha cantidade notoria importancia. Ademais imponlle unha multa de cinco millóns de euros.
Por este mesmo delito como cómplice condena á súa esposa María del Carmen C.C. a tres anos de cárcere e multa de tres millóns de euros, con responsabilidade persoal en caso de falta de pagamento de dous meses de privación de liberdade.
Ademais, polo branqueo de capitais procedentes do narcotráfico condena á parella á pena de tres anos de prisión e multa de novecentos mil euros para cada un deles.
Igualmente resulta condenado o acusado Rinush G., á pena de seis anos e seis meses de prisión por tráfico de drogas e multa de cinco millóns de euros. Durante o xuízo recoñeceu os feitos dos que foi acusado.
Acórdase o comiso definitivo e adxudicación ao Estado dos bens e instrumentos utilizados na comisión do delito contra a saúde pública, así como as súas ganancias e todos os demais bens mobles, inmobles e vehículos obtidos polos acusados co diñeiro procedente do narcotráfico.
Finalmente a sentenza da Sección Cuarta da Audiencia Provincial absolve a outros tres procesados que sentaron no banco dos acusados.
Na sentenza considérase acreditado que o matrimonio introduciu 54 quilos de heroína, un alixo que foi interceptado pola Policía nun Porsche Cayenne con destino a Tui procedente de Alemaña e previo paso por Holanda.
Relacionadas:
-
A Policía, sobre a rede de tráfico de heroína: "Castor se dedica única y exclusivamente al tráfico de drogas"
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |
-
Unha rede xulgada por tráfico de heroína nega toda relación coa droga e escúdase tras a compravenda de coches
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xulgan unha organización á que incautaron 53 quilos de heroína e para a que piden 78 anos de cárcere
Por Oskar Viéitez |