A antiga escola unitaria de Cabalo xa ten novo parque de xogos
Por Redacción
Bueu continúa co avance nas obras para dotar de parques infantís a varias zonas do municipio, así como remodelar outros que se atopan en mal estado.
Con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, xa remataron o da antiga escola unitaria de Cabalo, en Beluso, que este martes visitaron o alcalde da vila, Félix Juncal, así como Fidel Castro, concelleiro de obras e servizos, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal.
Durante a visita, o rexedor anunciou que xa se procedeu a retirar o pavimento e os aparatos do parque da Praza do Concello para a súa substitución por un novo chan e xogos, e nos vindeiros días comezarán os traballos no do Outeiro.
En canto ao da Casa da Aldea de Meiro, que estaba programado para comezar estes días, decidiu atrasarse debido a que o gobierno local valorou unha actuación de mellora no propio recinto e esta debe realizarse antes do parque, tal e como xa se lle comunicou aos representantes da Asociación Veciñal da Morada.
Así mesmo, tamén se renovaron os parques de María Eugenia e Sanamedio, e as tres zonas de biosaudables no parque Ramal dos Galos, Pescadoira e no paseo de Agrelo-Portomaior.
Por último, no proxecto está contemplada a instalación dun novo módulo no skate park das Lagoas, instalación utilizada por moitas persoas, sobre todo novas, e que precisa dunha renovación.
O proxecto dos parques tiña un prezo total de licitación de 237.846,77 euros, IVE incluído, aínda que se dividiu en tres lotes, correspondentes aos parques infantís, zonas biosaudables e skate park. No primeiro caso, adxudicouse a Bricantel SL por un importe de 144.895,48. euros. A mesma empresa resultou adxudicataria tamén do segundo, cun importe de 15.530,41. euros, e do terceiro, Zona de Obra O Rosal SLU, por 6.353,76 euros.