O parking de Veteris, de novo en punto morto
Por Alejandro Espiño
Complícase o futuro do estacionamento da rúa Antón Fraguas. A mesa de contratación celebrada este martes no Concello de Pontevedra acordou excluír a única oferta presentada ao procedemento aberto para xestionar o parking do edificio Veteris.
A oferta, presentada pola actual concesionaria, non cumpre os requisitos fixados polo proxecto de concesión do aparcadoiro subterráneo, segundo os técnicos municipais, que ven "insubsanables" as deficiencias.
Así, entre outras cuestións, os técnicos alertan que non se produce unha separación entre as zonas pública e privada do parking, o que permite o fluxo de vehículos entre ambas as estancias, "cousa imposible de aceptar" xa que non se axustaría á sentenza xudicial.
O persoal tampouco se axusta aos pregos, que establecían un mínimo dun encargado, catro operarios e un administrativo para prestar servizo 24 horas ao día, ao ofertar tres operarios, un dos cales sería o encargado, e un administrativo.
A oferta da concesionaria, por último, tampouco cumpre os estándares con respecto ao número de prazas de aparcadoiro accesibles, fixadas en tres por planta, ao comprometerse a incluír tan só dous por planta, que son as que existen actualmente. Os aseos tampouco serían accesibles, polo que se rexeita tamén esta cuestión.
A empresa, Parking Centro Cidade de Pontevedra SL, foi a única que se presentou ao proceso de adxudicación directa do aparcadoiro, convocado tras quedar deserto o concurso público.
A exclusión desta oferta terá que ser aprobada agora pola Xunta de Goberno local e, a partir de aí, estudarase os pasos a seguir que, en todo caso, pasarían por un novo intento para adxudicalo de maneira directa ou que a súa xestión pase a ser asumida polo propio Concello quen, posteriormente, podería crear unha empresa pública ou cedelo a algún colectivo social.
Para asumir o pago da indemnización que o Concello tería que pagar á actual concesionaria, o goberno municipal reservou unha partida de 450.000 euros anuais durante o próximos sete anos.
Relacionadas:
-
Termina o "culebrón" Veteris coa adxudicación definitiva do aparcamento subterráneo
Por Oskar Viéitez |
-
Queda deserto o concurso para adxudicar o aparcamento de Veteris
Por Oskar Viéitez |
-
Novo capítulo no "culebrón" do aparcamento Veteris
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello prepara unha nova adxudicación do aparcadoiro de Veteris
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello convidará un mínimo de tres empresas para optar á xestión do parking de Veteris
Por Redacción |
-
Tres empresas interésanse de novo pola xestión do parking de Veteris
Por Alejandro Espiño |
-
O parking de Veteris, sen noivas
Por Alejandro Espiño |
-
O parking de Veteris sairá a concurso público por 68 anos
Por Alejandro Espiño |