O Casino da Toxa abrirá unha sala de xogo nun centro comercial de Vigo
Por Redacción
O centro comercial A Laxe será o que acolla a sala adicional que o Casino da Toxa abrirá en Vigo. Así o anunciou o goberno galego, que vén de autorizar esta apertura unha vez examinada toda a documentación requirida.
A posibilidade de abrir un novo casino en Vigo produciuse grazas á modificación da normativa, que impulsou a Xunta de Galicia en resposta ás demandas do sector.
O goberno galego estaba a traballar para posibilitar a apertura dunha sala de casino en Vigo, unha situación que a lexislación anterior á modificación non permitía, a non ser que se pechase o da Toxa, coa conseguinte perda de emprego e actividade na comarca, xa que a lexislación establecía que só podería haber un casino por provincia.
Despois de traballar na modificación, consultar ao sector e analizar a cuestión xuridicamente, optouse por introducir unha modificación da actual lei do xogo, de tal xeito que se permite aos casinos actuais instalar unha sala adicional que se atopase situada fóra do recinto actual e na mesma provincia.
A Xunta destaca que esta sala adicional do Casino da Toxa permitirá potenciar e xerar actividade económica directa e indirecta na cidade e creará emprego.