O PP de Poio denuncia "graves irregularidades" no traslado da Policía Local a súa nova sede
Por Oskar Viéitez
A concelleira do Partido Popular en Poio, Rocío Cochón, fixo público un "demoledor" informe do servizo de intervención municipal que alerta de graves irregularidades nas facturas do traslado, que ascenden polo de agora a 75.000 euros, "imposibles de xustificar pola situación ilegal da parcela, en zona verde".
O informe, que se deu a coñecer este luns na comisión municipal de Facenda, advirte que o uso do edificio como oficinas da Policía sen licencia é incompatible co actual PXOM, e que podería causar un grave "prexuízo económico para este concello".
O informe, motivado pola falta de partida orzamentaria de varias das facturas relativas ao acondicionamento e traslado do local, fai reparos sobre varias das facturas recibidas polo concello polo traslado da Policía, recalcando que non eran gastos urxentes ou imprevisibles, e que ademais as partidas ás que se pretenden imputar xa non teñen crédito no orzamento de 2018.
Segundo a concelleira Rocío Cochón, este informe ven a demostrar a necesidade de aprobar canto antes un novo PXOM para, entre outras cousas, regularizar o inmoble, e "proba o fracaso da xestión urbanística do bipartito".
Rocío Cochón denunciou a situación de "caos urbanístico" en Poio provocado pola "falta de criterio e a incapacidade" que, ao seu criterio, ten o goberno local de Poio para sacar adiante o novo PXOM.