Empeza o redeseño da Alameda e a súa contorna para crear un gran parque infantil
Por Redacción
O Concello da Lama empezou a executar o redeseño da Alameda e a contorna posterior da biblioteca municipal para albergar un novo parque infantil de grandes dimensións e crear un acceso desde a Avenida do Concello ao recinto de esparexemento cidadán.
Operarios municipais están a realizar o novo deseño, que permitirá desprazar os aparellos do parque biosaudable á contorna do pavillón, un lugar que o Concello considera máis adecuado para o uso destes elementos debido a que se situarían nunha zona deportiva, máis acorde coa demanda detectada.
Segundo indicou o Concello a través dun comunicado, a intención do alcalde, Jorge Canda, con esta obra é dedicar o espazo do antigo parque infantil a goce da cidadanía na zona empedrada da Alameda á vez que se dá resposta a unha demanda veciñal que reclamaba poder acceder desde a zona da biblioteca e o propio Concello ao recinto da Alameda sen ter que dar unha volta innecesaria.
O Concello encargará a unha empresa especializada en xogos infantís o deseño do amplo espazo que agora se aproveita para crear un gran parque infantil. Estará dotado con xogos e aparellos de nova xeración, máis modernos e adaptados á demanda dos nenos usuarios dos mesmos.
Ademais, os aparellos existentes na zona serán sometidos a un proceso de recuperación e mellora en materia de seguridade e adaptabilidade a un novo espazo que o alcalde espera conseguir na zona de Santa Anta, unha vez que se poidan lograr uns terreos adecuados para acoller estes elementos de xogo para os nenos e nenas deste lugar.