Autorizan o acceso ás augas medicinais da Freixa
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de obter os correspondentes permisos autonómicos para acometer o acceso ás augas medicinais da Freixa, en Dorna, na parroquia de Santa María de Sacos, despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia concederan as respectivas autorizacións para acondicionar a pista e permitir deste xeito unha chegada en condicións a este espazo termal.
Así, xa se están dando todos os pasos previos para poder afrontar, en exercicios vindeiros, a restauración e posta en valor deste complexo medicinal natural, xa que, coa próxima realización da pista e a existencia do proxecto de mellora desta contorna, que xa foi redactado pola arquitecta Cristina García Fontán, poderanse emprender negociacións coas distintas administracións para acadar o financiamento necesario.
Este proxecto púxose en marcha o pasado ano para tratar de poñer en valor unha zona de augas termais con grandes propiedades para a saúde, moi similar á dos Baños de San Xusto. O obxectivo pasa por apostar pola súa rehabilitación no marco dunha actuación integral nesta área termal en todo o municipio.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, cre que este proxecto é "de gran importancia para a creación doutro novo atractivo turístico no municipio, xa que ademais integraríase nunha actuación global centrada no termalismo, a saúde e o medio ambiente que convertería a Cerdedo-Cotobade nunha referencia neste ámbito en Galicia".
Relacionadas:
-
O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final
Por Redacción |
-
Os Baños de San Xusto pasarán a ser un balneario con pozas públicas
Por Redacción |
-
Investimento de 306.000 euros para a rehabilitación dos Baños de San Xusto e o local da Banda de Tenorio
Por Redacción |
-
Impulsan un proxecto para recuperar e poñer en valor as augas medicinais da Freixa
Por Redacción |
-
De quen son os Baños de San Xusto?
Por Redacción |