A Garda Civil sorprende dous mozos roubando gasóleo de camións en Vilaboa
Por Redacción
Efectivos da Garda Civil detiveron a pasada semana dous mozos veciños de Poio e Vilaboa de 18 anos como presuntos autores dun delito de roubo tras sorprendelos roubando gasoil nunha planta industrial no municipio de Vilaboa.
Todo ocorreu o pasado xoves 13 de setembro. A Garda Civil estableceu un operativo de vixilancia con efectivos do posto de Moaña e a patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Cangas tras recibir unha alerta a través do teléfono 062 do Centro Operativo Complexo da Comandancia de Pontevedra.
A chamada informaba da presenza dun vehículo sospeitoso nas inmediacións dunha planta de formigón en Vilaboa, de modo que unha patrulla de seguridade cidadá do posto de Moaña desprazáronse á zona. Ao chegar, sorprenderon a dous individuos que, ao verlles, déronse á fuga.
Os axentes localizaron dúas garrafas cheas de gasoil escondidas entre as matogueiras e posteriormente, co reforzo da patrulla do Seprona de Cangas, localizaron aos supostos ladróns, que resultaron ser B.M.M., veciño de Poio, e A. P.DR., veciño de Vilaboa. Ambos quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Garda de Cangas cando sexan citados.
Os mozos foron localizados cando circulaban nun vehículo que se interceptou momentos despois nun dos viarios de acceso á planta industrial. O notorio cheiro a carburante que desprendían as súas roupas no momento do arresto desmontou as súas coartadas e os axentes procederon á súa inmediata detención.
Nas inmediacións da planta de formigón atopáronse escondidas entre a maleza outras catro garrafas cheas de gasóleo, xunto con dúas mangueiras e unha botella de plástico, coa base cortada, que utilizaban a modo de embude. En total recuperáronse 150 litros de gasóleo que foran subtraídos nos depósitos dos camións estacionados no interior do recinto da planta formigoneira.