Moraña restaurará 11 lavadoiros e fontes e acondicionará dous sendeiros cun taller de emprego
Por Redacción
O novo obradoiro de emprego concedido pola Xunta de Galicia a Moraña, conxuntamente con Valga e baixo a denominación Ulla-Umia III, permitirá ao Concello realizar varias actuacións.
En concreto procederase á mellora de dous carreiros, un que pasa polas parroquias de Amil, Rebón e San Lourenzo e outro entre Saiáns e Gargantáns. Nestes lugares realizaranse rozas, tallas e podas, limpeza de camiños e marxes dos ríos e habilitación de camiños con dous metros de anchura, ademais da eliminación de eucaliptos, mimosas e acacias e a súa substitución por especies autóctonas e de ribeira.
Ademais a segunda actuación consistirá na rehabilitación e posta en valor, con traballos auxiliares de construción, saneamento, revestimento e limpeza, dos lavadoiros de Penagrande, A Pallota, Casal, Lamas e Covelo, o pilón de Cartamil, o pilón e fonte de Cerdeiras e os lavadoiros de Vilacoba, Chaián de Arriba, Barosela e Cosoirado.
Este taller de emprego formará a unha vintena de persoas desempregadas grazas a un investimento de 288.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria.