Máis de 400 persoas participaron en Ponteverán 2018
Por Redacción
Ponteverán 2018 pechou cun balance positivo para o goberno local.
O programa de lecer que promove durante o verán a concellería de Xuventude contou coa participación activa de 427 persoas repartidas nas 14 propostas (21 actividades) que conformaron esta edición.
Actividades como a 'Terra de Zombies' ou os cursos de robótica e holografía recibiron unha boa acollida nunha programación na que se estreaban. Tamén repetiron propostas como o campamento de tempo libre, as aulas da natureza, a noite europea dos morcegos, a xornada de orientación deportiva ou os cursos de piragüismo.
Oito das propostas de Ponteverán esgotaron as súas prazas e mesmo contaron con lista de agarda. Foi así no campamento de tempo libre, a aula da natureza (nos tres obradoiros), observación astronómica, a noite de morcegos, o obradoiro de cociña, robótica, holografía e os cursos de piragüismo (nas tres convocatorias). Caso oposto foi a excursión a un medio natural proposta que tiña como destino o río Miño na súa zona ourensá e que tivo que ser suspendida ao non rexistrarse un mínimo de inscricións.
O programa de lecer xuvenil contou cun orzamento de 15.250 euros e para a prestación dos servizos foron contratadas cinco pequenas empresas e profesionais autónomos e tres asociacións: Vaipolorío, o Club Montañeiros Pontevedra e o Club de Piragüismo Río Verdugo de Ponte Sampaio.