Ponte Caldelas pide a Augas de Galicia que restaure os pasos tradicionais de Taboadelo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas remitiu unha solicitude a Augas de Galicia para instar o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente á recuperación e posta en valor dos pasos tradicionais do río Verdugo entre os lugares de Taboadelo e A Insua.
Entende o goberno local que estes pasos, xunto cos xa recuperados na Fraga e Portasouto, forman un conxunto que merece a pena poñer en valor, pero para iso resulta imprescindible a colaboración da administración autonómica ao ser a competente tanto na materia de ríos como de patrimonio cultural.
Os pasos están formados por grandes pezas labradas, das que a metade están caídas polos arrastres da corrente, e sitúanse á beira dun vao de carros con grandes lousas planas.
Trátase dunha actuación que non pode ser acometida directamente polo Concello ao estar fóra das súas competencias, pero na que o goberno local móstrase disposto a colaborar a través dun convenio.