A Lama pide á Deputación que retire a sinalización instalada na ruta de sendeirismo de Liñares
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, esixiu á Deputación "a inmediata retirada" da sinalización en madeira que colocou na ruta entre Xende e Liñares, na parroquia de Xesta.
O rexedor asegura que as mouteiras de madeira foron colocadas sen autorización municipal nunha obra de habilitación e homologación da ruta de sendeirismo que está a executar o Concello a través dunha subvención de 60.000 euros da Xunta de Galicia.
Canda considera unha "inxerencia publicitaria" a actuación do ente provincial nunha obra na que non participa e que conta cun sistema de sinalización homologado pola Federación Galega de Montañismo.
Segundo explicou o alcalde, a sinalización colocouse ao longo do trazado de sendeirismo, especialmente na fervenza e na ponte de Liñares.
As obras que está a acometer A Lama na zona céntranse na mellora da accesibilidade, colocación de plataformas en madeira tratada, varandas, chanzos, achega de xabre e elementos que favorecen o uso peonil, ademais dos citados sistemas de sinalización homologados.