Recuperan en Vigo unha bicicleta de 4.000 euros roubada na Lama... hai 9 anos!
Por Redacción
A Garda Civil recuperou a semana pasada en Vigo unha bicicleta que fora subtraída no ano 2009 no municipio da Lama.
Trátase dunha bicicleta dunha serie limitada e deseño único, valorada en preto de 4.000 euros, que fora roubada hai exactamente nove anos, o 4 de setembro do citado ano.
Despois de moito tempo sen poder avanzar na investigación, resultou decisiva a información facilitada polo seu propietario cando se decatou de que estaba exposta á venda nunha páxina da internet de compra-venda de obxectos de segunda man. Nese momento a Garda Civil activou o seu protocolo de investigación e non tardou en recuperar a bicicleta, aínda que tivo algunhas dificultades por chegar á identificación do presunto autor da subtracción debido aos distintos procesos de compra-venda que tivera.
Recuperada a bicicleta e devolta ao seu lexítimo propietario, o equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra centrouse en identificar o autor da subtracción, que resultou ser un mozo veciño de Fornelos de Montes.
Os axentes comprobaron que a bicicleta estaba exposta na internet despois de ser adquirida nun establecemento de venda de obxectos de segunda man en Vigo. Seguindo este rastro identificouse á persoa que a vendera neste local e que, á súa vez, compráralla ao mozo que presuntamente a roubou na Lama.
As dilixencias do caso foron entregadas ao Xulgado de Instrución de Pontevedra.