A volta ao cole invita a saltar e a divertirse na Zona Monumental
Por Mónica Patxot & Redacción
O bo tempo na tarde deste venres permitiu que centos de escolares se divertiran polas rúas e prazas do centro histórico con motivo da Gran Festa Volta ao Cole, que organizaba o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Desta forma, a rúa Serra, ante o Mercado de Abastos, acolleu unha gran pista americana multiaventura mentres que a praza de Curros Enríquez ofrecía un rocódromo inchable dunha altura de oito metros polo que os pequenos tentaban escalar. Na mesma praza tamén se desenvolveu unha actividade de deseño de grafiti mentres que en Valentín García Escudero levou a cabo un taller de repostería creativa.
A ludoteca con mesa de luz, mesa de espello, cun taller pintacaras e diversos xogos centrou a atención na praza de Méndez Núñez. A poucos metros, na praza da Verdura, os contos tiñan protagonismo e, a partir das 20.30 horas, o bailarín Adrián Esperón convidaba a todos a bailar na Zona Monumental.
Como é tradición e para levar a calor sen abafos, a praza de Mugartegui converteuse nunha gran piscina de escuma. Nesta edición, a festa de volta ao cole contou coa colaboración de dous clubs deportivos da cidade, o Club Waterpolo Pontevedra e o Club Baloncesto Estudantes.
CLUB SALTÓNS ANTE BELAS ARTES
A oferta para os escolares tamén se estendía ata os xardíns situados ante a entrada de Belas Artes. Alí, o Concello organizaba unha edición especial do Club Saltóns con talleres infantís, xogos cooperativos, baile co hula hoop e música.
Esta proposta dirixida a menores con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos busca promover o feminismo, a amizade e a utilización das zonas verdes da cidade.