Eugenio José Giráldez Villar naceu en Caracas. É un dos seus "exotismos vitais" como conta na Playlist este xornalista. Exerceu con plenas potestades de irmán maior de Javier. Primeiro en Venezuela, brevemente en Vigo e logo en Madrid. Fillos de galegos con formación académica, emigrados e retornados, que puideron dar aos seus vástagos "unha infancia e adolescencia deliciosas".
Paradoxos da vida: que se pode romper un xornalista radiofónico xogando ao fútbol sala?... o radio!; e así foi. Ademais do balón - chegou a facer probas como porteiro para o Atlético de Madrid -, lle deu tamén ao pedal da bici.
Nunhas BH dos 70 quixo facerse Madrid - Vigo cun amigo. Para tranquilidade das familias non chegaron a facelo. Anos despois chegou o golf, unha práctica deportiva que como afirma en PontevedraViva Radio "é como a vida e diche como é cada persoa". A el desde logo, chegouno a deixar en pelotas.
En canto ao oficio xornalístico - que comezou a realizar mentres estudaba na Complutense - que dicir que non se saiba!. A súa voz acompañou a xeracións de pontevedreses; antes fora a prensa e logo veu a televisón pública; medio no que segue cos seus'Contrastes' do Canle Rías Baixas.
Entre cámaras, columnas - e golf - saca tempo para axudar a súa muller, Lourdes, nos negocios de hostalería da parella; así que se a súa cara sóache mentres te serve un café, si, é el. Os desvelos ségueos levando por Valeria, a súa filla, que puxo ao seu pai na mesma tesitura que el puxo o seu avó Eugenio: reticente ante un fillo con vocación de xornalista.
Quedan tres meses para que termine o ano e comece 2019, un ano que vén cargado de eleccións. En senllas convocatorias electorais chegoulle a súa oportunidade radiofónica e a súa actual muller. Así que, se continúa a ecuación... o que pode vir cos sesenta!