Carmela Silva: "Tentar acusar de falsidade a un cargo público paréceme escandaloso"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Tentar acusar de falsidade a un cargo público paréceme escandaloso", declarou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en resposta ás dúbidas sementadas polo Partido Popular sobre a veracidade dos datos turísticos que ofrece a administración provincial.
O grupo do Partido Popular acusou de "intromisión" nas competencias doutras administracións e esixiu a Carmela Silva que revelase "a fonte" dos datos turísticos que ofrece que segundo a presidenta provincial é a mesma que tiña o PP cando gobernaba na Deputación con Rafael Louzán á fronte cando se creou o Observatorio de Turismo Rías Baixas. "Entón si que lles valían os datos", reprochoulles Silva.
"Este é un debate sucio que non ten nada de real", resolveu a mandataria provincial.
Esta discusión tivo lugar este venres durante o pleno da Deputación de Pontevedra convocado de maneira extraordinaria ao non celebrarse o correspondente ao mes de agosto.
Neste marco foron rexeitadas as dúas mocións que presentou o Partido Popular. Na primeira solicitaban á presidenta Carmela Silva que convocase ao sector turístico e aos concellos a unha reunión para planificar o ano 2019 nesta materia, que segundo adiantou o responsable desta área no goberno provincial Santos Héctor "xa está prevista para o próximo mes de outubro".
Igualmente o PP demandou sen éxito que o organismo provincial outorgue axudas económicas aos afectados polos incendios forestais do mes de outubro do pasado ano. O deputado socialista Carlos López Font afirmou que pedirá a reposición do programa televisivo Barrio Sésamo para que os populares aprendan conceptos básicos como, ao seu xuízo, son as competencias que ten cada administración e respecto dos incendios "esa responsabilidad la tienen ustedes en la Xunta".
VIARIO DE ACCESO A MONTE PORREIRO
O pleno tamén aprobou a inadmisión dos recursos de reposición presentados por varios particulares afectados polas expropiacións do novo viario de acceso a Monte Porreiro, polo que, segundo indicou o vicepresidente César Mosquera, en breve poderanse licitar as obras.
AXUDAS DA XUNTA
O deputado da Coalición Electoral SON, Xosé Lois Jácome, presentou unha moción na que solicitaba á Deputación que instase á Xunta a abrir de novo a convocatoria de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia. A iniciativa foi aprobada cos votos a favor de SON, PSOE e BNG. No debate Jácome criticou o "caciquismo" co que foron adxudicadas as axudas.
O PSOE apoiou a iniciativa sumándose ás queixas polo modo "escandaloso" de repartir as axudas por parte da Xunta "para os concellos gobernados polo PP", segundo dixo a socialista Montserrat Magallanes.
O portavoz popular, Ángel Moldes defendeu a existencia de "criterio" e "bases" na adxudicación destas axudas e rexeitou que desde o goberno provincial pretendan "dar leccións" nesta materia acusándolles de beneficiar "aos concellos onde vostedes gobernan".
Foi a propia presidenta Carmela Silva quen replicó a intervención do PP. "Vostede mente descaradamente", acusou a Ángel Moldes defendendo que "somos unha administración modélica" e apuntando que non entende como a xustiza non investiga esas axudas da Xunta.
TOMA DE POSESIÓN
Ao comezo da sesión Ángel Rivas tomou posesión como deputado provincial polo grupo socialista en substitución do seu compañeiro na corporación do Concello de Vigo, David Regades unha vez que este último asumiu o seu novo cargo como delegado da Zona Franca. "Xa lle adianto que aquí se traballa moito, espero que veña coas pilas cargadas", saudoulle a presidenta.
Relacionadas:
-
O Plan Deporemse reparte 11 millóns de euros entre 31 concellos "de todas as cores políticas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Ministerio de Economía cofinanciará os proxectos de turismo intelixente da Deputación e a Mancomunidade do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica o "fracaso estrepitoso" da xestión turística da Deputación
Por Oskar Viéitez |