O BNG propón que a Xunta lidere a construción da vía verde entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción
A Xunta de Galicia é quen debe liderar, segundo o BNG, o proxecto para habilitar unha senda para uso peonil e ciclista entre Pontevedra e Vigo que aproveite os treitos da vía do tren en desuso. Esta vía verde é unha petición de colectivos ciclistas e veciñais da comarca.
Para conseguir este obxectivo, o deputado Luis Bará propuxo a creación dunha mesa pola vía verde na que participen todas as administracións implicadas, Xunta, Ministerio de Fomento, Deputación e concellos, así como as entidades sociais e veciñais que levan anos demandando esta infraestrutura.
A construción desta vía verde foi demandada por unanimidade do Parlamento galego en outubro de 2017 e, segundo Bará, case un ano despois producíronse avances no caso do treito Chapela-Vigo, o que permitirá transformar máis de cinco quilómetros da antiga vía férrea nunha senda para uso peonil e ciclista.
No caso do treito entre Pontevedra e Arcade, malia o acordo parlamentario e as demandas dos plenos dos concellos de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, ADIF manifestou a súa negativa á desafección do uso ferroviario do treito de vía entre Figueirido e Arcade, que supostamente podería ser utilizado no futuro para o transporte de mercadorías.
Con todo, recordan desde o BNG, este treito leva máis de seis anos sen uso e presenta un estado de "absoluto abandono", invadido pola maleza e convertido "en depósito de todo tipo de verteduras ".
Na súa iniciativa, o BNG propón que o goberno galego lidere este tipo de propostas, que se deben inserir nunha estratexia integral a prol da mobilidade sustentable. Así, aposta por demandar a ADIF a desafección dos treitos de vía férrea en desuso e estudando alternativas para o resto do trazado.
Entre as tarefas pendentes están o estudo de alternativas para darlle continuidade á vía verde alí onde non hai vía férrea en desuso (Chapela-Arcade e Figueirido-Pontevedra), a elaboración dun anteproxecto construtivo ou a creación dunha estrutura administrativa para a xestión dunha vía que discorre por cinco concellos e nos que habería estruturas de certa complexidade como a antiga ponte metálica sobre o río Verdugo ou o túnel de Figueirido.