Pontevedra busca estreitar lazos coa rexión colombiana de Caldas
Por Redacción
Unha delegación do departamento colombiano de Caldas, encabezada polo presidente da súa asemblea parlamentaria, Silvio Eduardo Arboleda, está de visita pola provincia de Pontevedra.
Esta visita, enmarcada nos actos do 250 aniversario do nacemento do científico Francisco José de Caldas, descendente de Caldas de Reis e que lle deu nome á rexión colombiana, pretende estreitar lazos de irmandade e promover acordos en materia cultural, educativa, turística e económica entre a provincia pontevedresa e o eixo cafeteiro de Colombia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceulles unha recepción no Pazo Provincial e fixo fincapé na necesidade de "ser capaces de poñer en valor todo o que nos une e establecer relacións económicas, culturais e humanas que se materialicen, a partir de agora, en accións concretas".
Entre estas accións, Silva adiantou que proximamente o Museo de Pontevedra acollerá a exposición Francisco José de Caldas 1768-1816. O sabio de Caldas, "que servirá para dicir que a Deputación de Pontevedra e o departamento colombiano teñen un idilio que naceu cun sabio e vai continuar no tempo".
A mostra, que será a primeira que se realice en España con motivo do 250 aniversario do científico, servirá para dar a coñecer a importancia desta personaxe que é un referente para a ciencia, liberdade e o desenvolvemento de Colombia.
A presidenta provincial aproveitou a ocasión para presentar as principais características da provincia e proxectos postos en marcha pola Deputación de Pontevedra e subliñou a potencialidade económica da provincia, con grandes sectores industriais como o naval a automoción ou a tecnoloxía.
Ademais da visita á Deputación de Pontevedra, a delegación colombiana mantivo tamén reunións con outras institucións da provincia, ademais doutros axentes sociais e económicos da comunidade. Ao respecto, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, destacou que "todas elas foron moi proveitosas e das que sairán intercambios moi interesantes".
Pola súa banda, o presidente da Asemblea Parlamentaria de Caldas, Silvio Eduardo Arboleda, agradeceu o acollemento da Deputación e a boa disposición das institucións da provincia para distribuír os produtos colombianos, entre os que destacou o café, os cítricos, o aguacate e o ron, por toda Europa.