Moraña recupera este venres o servizo integral de recollida de lixo
Por Redacción
O Concello de Moraña ten previsto restablecer este venres o servizo integral de recollida de lixo no municipio. Recupérase, deste xeito, a retirada selectiva dos residuos pertencentes aos contedores amarelos, onde se depositan plásticos, latas e tetra briks, ademais de envases lixeiros.
A semana pasada a empresa que contaba coa adxudicación do servizo renunciou ao contrato por motivos económicos e de insolvencia, segundo informan desde o goberno local. Unha nova firma traballará de forma provisional durante uns meses, afirman desde o Concello.
O servizo sairá de novo a concurso cando se elabore un novo prego de condicións para tramitar a adxudicación.
Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, pide desculpas polas molestias ocasionadas durante os 15 días en que o servizo non se puido realizar en diversos puntos do municipio. Tamén solicita paciencia e colaboración aos habitantes de Moraña coa nova empresa.