Un roteiro para poñer en valor edificios que "pasan desapercibidos" para os pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Poñer en valor edificios que "normalmente" pasan desapercibidos para a maior parte dos pontevedreses. ÿ o obxectivo do novo roteiro urbano, Arquitectura urbana contemporánea, que organiza o Concello de Pontevedra en colaboración coa Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia. Guiado por Marta Guirado e Diego Germade celebrarase este sábado 18 de maio, ás 11.00 horas.
Os asistentes farán un percorrido por nove edificios arquitectónicos pontevedreses de inspiración modernista e funcionalista, contruídos ao longo do século XX, tales como ou ambulatorio da Virxe Peregrina, ou os inmobles da cidade de arquitectos como De la Sota, Xosé Bar Boo, César Portela, José Basilia Bas e José Antonio Corraless ou José Taracido Fraga. Rematará na Igrexa Virxe do Camiño.
"Normalmente a xente fíxase en Santa María, nas prazas do Centro Histórico, na Peregrina... pero en Pontevedra hai exemplos moi interesantes de arquitectura da segunda metade do século XX que merece ser recoñecido", explicou Manuel Abilleira, delegado en Pontevedra dos arquitectos galegos. De momento hai xa preto de 100 persoas apuntadas para esta saída urbana.
De manterse a previsión de mal tempo, o roteiro trasladarase ao próximo 1 de xuño.
Os Roteiros Temáticos Urbanos son cinco saídas que permiten descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra. Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende descubrir outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles.